A MONARQUÍA VISIGODA (organización política)

 

A crise do século III provocou a debilidade da defensa do imperio romano, o que levou á invasión de pobos veciños. Os emperadores víronse obrigados a dividir o Imperio e a pactar con estes pobos ou vinculalos como aliados (colaboración militar con Roma a cambio de terras e alimento). A Península Ibérica foi invadida por suevos, vándalos e alanos a inicios do século V (411). Para frealos, o Imperio romano pactou un destes acordos (foedus) con outro pobo xermánico, os visigodos que remataron coa presenza de alanos e vándalos, quedando os suevos na Gallaecia. Ao caer o imperio romano de Occidente, os visigodos asentáronse no sur de Francia onde crearon un reino con capital en Toulouse. A comezos do século VI (ano 507), unha vez desaparecido o Imperio Romano, os visigodos foron derrotados polos francos, deberon abandonar Francia e asentáronse definitivamente na península, creando un reino independente con capital en Toledo.

 Os visigodos en Hispania, a pesar de contar co poder político, eran unha minoría social de guerreiros conquistadores que dominaban a unha poboación hispano romana moito máis numerosa. Co tempo coñeceron un proceso de asimilación e mesturáronse coa nobreza hispano romana.

  • A súa forma política era a dunha monarquía electiva, de acordo co dereito xermánico, polo que para ser rei era preciso ser elixido pola asemblea de homes libres. Esta circunstancia convertía aos monarcas en figuras políticas sempre necesitadas do respaldo nobiliario e a súa sucesión nun momento de enorme inestabilidade política polas disputas entre os candidatos. Os sucesivos intentos de converter a monarquía nunha institución hereditaria para evitar esa febleza e consolidar unha dinastía fracasaron.

Durante a segunda metade do s. VI os reis visigodos desenvolveron unha política de unificación:

  • Unificación territorial (Leovixildo), buscando  situar baixo o seu dominio toda a península (anexión do reino suevo do noroeste no 585, expulsión dos bizantinos do sueste peninsular). Unicamente as áreas do norte habitadas polos vascóns permaneceron semi-independentes.
       

  • Unidade relixiosa, dado que os visigodos seguían a doutrina ariana considerada unha herexía polo catolicismo, coa conversión ao catolicismo do rei Recaredo no III Concilio de Toledo (ano 589).
       

  • A unificación lexislativa produciuse co rei Recesvinto no ano 654 coa publicación de Liber Iudiciorum ou Fuero Juzgo, que serviu de compilación das normas xurídicas da época. Era un documento que fusionaba o dereito xermánico, baseado no costume, co dereito romano, e que tivo unha notable importancia na orixe do dereito español. Favoreceu a integración da minoría dominante visigoda coa poboación hispano-romana ao establecer a igualdade entre ambas e permitir os matrimonios mixtos.

Os poderes do rei eran grandes en teoría: xefe do exército, xuíz supremo, capacidade para declarar a guerra e a paz, poder lexislativo. Para as funcións de goberno os reis visigodos rodeábanse do denominado Officium Palatinum, entre o que destacaba:

  • A Aula Rexia. Este órgano facía as funcións de consello real e os seus membros, aristócratas e magnates do reino, eran designados polo rei. Tiña carácter     consultivo e xurdiu para auxiliar ao rei nas tarefas de goberno,     elaborar as leis e impartir da xustiza. Tamén interviña na elección do monarca o que redundou na súa importancia.
       

  • Coa     incorporación do mundo visigodo ao cristianismo católico, a finais     do s. VI, cobrou moita importancia o concilio de bispos da Igrexa     católica (Concilios     de Toledo). Nunha etapa na que a relixión era un importante instrumento ao servicio do poder político, este órgano de tipo eclesiástico servía para orientar as decisións políticas e lexislativas.
       

  • Formaban parte tamén do Officium Palatinum os denominados comes, é dicir, nobres que xuraban fidelidade ao rei e encargábanse de diferentes labores de goberno: comes do tesouro, comes da recadación de impostos, mordomo de     pazo.

Para o control do territorio, os visigodos mantiveron a división provincial romana baixo o nome de ducados (dirixidos por duces provinciais delegados do rei). Dentro de cada provincia había unhas circunscricións menores, as denominadas territoria, dirixidas por un conde con funcións xudiciais principalmente nas cidades (comites civitates). Tamén eran importantes os gardingos (xefes militares), garda persoal do rei que vivían en palacio.

No século VII os enfrontamentos internos dividiron á nobreza visigoda en dous clans políticos e familiares que se disputaron o trono. A situación alcanzou o seu estado máis grave tras a morte do rei Witiza. Os fillos deste rei enfrontáronse cos partidarios do rei don Rodrigo, a quen escollera a meirande parte da nobreza. Esta división interna favoreceu a inmediata chegada dos musulmáns no ano 711, xa que os fillos de Witiza solicitaron a Muza, gobernador musulmán do norte de África, axuda militar para derrotar a Rodrigo. A chegada das forzas musulmás non sería circunstancial senón que aproveitaron este enfrontamento interno visigodo para iniciar unha campaña de conquista que abriría unha nova etapa histórica na Península Ibérica.

 

Este é un enlace para un vídeo-resumo do anteriormente explicado: 

 https://www.youtube.com/watch?v=U2g3AV0ILjI&t=2s



 


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

OS POBOS PRERROMANOS DA PENÍNSULA IBÉRICA ( pobos do sur e do levante,meseteños e do occidente peninsular)

CONQUISTA E ROMANIZACIÓN (etapas da conquista, elementos de romanización: organización político administrativa do territorio, lingua e cultura,obras públicas)

O NEOLÍTICO: CARACTERÍSTICAS E CAMBIOS CON RESPECTO Á ÉPOCA PALEOLÍTICA( cambios económicos, sociais e culturais)