CONQUISTA E ROMANIZACIÓN (etapas da conquista, elementos de romanización: organización político administrativa do territorio, lingua e cultura,obras públicas)

 

A conquista romana foi o proceso histórico de dominio e control militar do territorio da península ibérica por parte de Roma. Este proceso foi bastante dilatado no tempo (desde o ano 218 a. C. ata o 19 a. C.), e terminou coa total integración e asimilación do territorio hispánico no Imperio romano.

O interese de Roma pola península ibérica xurdiu durante o século III a. C. no contexto da segunda guerra púnica contra Cartago polo dominio do Mediterráneo Occidental. A primeira guerra púnica rematara cun tratado que establecía a liña de influencia e dominio cartaxinés no río Ebro. Ao sur desta liña atopábase Sagunto, cidade aliada de Roma, que foi conquistada por Aníbal no ano 219 a. C., feito que se converteu en casus belli (motivo de guerra) da segunda guerra púnica. A presenza militar romana iniciouse no ano 218 a. C. co desembarco en Emporion (Ampurias) de Publio Cornelio Escipión. Nesta etapa as tropas romanas derrotaron aos cartaxineses e conquistaron toda a costa mediterránea peninsular, o val do Guadalquivir e parte do val do Ebro. Na conquista do interior da Península os romanos atopáronse cunha forte oposición, especialmente de celtiberos e de lusitanos. Exemplo desa dificultade foi a resistencia da cidade celtíbera de Numancia e a dura loita contra os lusitanos dirixidos por Viriato. Tras estas guerras a maioría da península quedou baixo control romano. As guerras cántabras permitiron o dominio do norte peninsular coa derrota de cántabros, astures e galaicos. Desta maneira toda a península quedou integrada no Imperio Romano en tempos do emperador Augusto.

Roma estableceu unha serie de unidades político-administrativas para asegurar o control do territorio, o mantemento da paz tanto interna como externa, a explotación das fontes de riqueza, o cobro dos impostos e a administración de xustiza. Hispania dividiuse en provincias. O seu número variou ao longo da dominación romana:

  •     Nun     principio (s. II a. C.) Hispania foi dividida en dúas provincias:     Hispania Ulterior     (áreas do     Guadalquivir e Atlántico) e Hispania     Citerior (áreas     do Ebro e     Mediterráneo).
       

  •     Na     época de Augusto (fins do s. I a. C.) as provincias pasaron a ser     tres: Betica, con     capital en Corduba (Córdoba);     Lusitania, con     capital en Emerita Augusta (Mérida) e     Tarraconense, con     capital en Tarraco     (Tarragona).
       

  •     Durante     os séculos III e IV d. C. o mapa provincial foi reformado e ás     anteriores engadíronselles a Cartaginense,     Gallaecia e,     máis adiante, a Balearica.     Todas     elas formaron a     diócese de     Hispania no     goberno de     Diocleciano.

Había dous tipos de provincias: senatoriais, que estaban controladas polo Senado romano, como a Bética; e imperiais, que estaban baixo o control directo do emperador, como a Tarraconense ou a Lusitania. As provincias estaban subdivididas en conventus para a administración de xustiza, recadación de impostos e recrutamento.

A intención do imperio era extraer as riquezas que tiña o territorio conquistado para ser enviadas a Roma. Para isto era necesario dotar ao territorio dunha serie de núcleos urbanos reitores do territorio e unha rede de calzadas. As cidades medraron en número e tamaño, de tal maneira que a rede urbana romana está na base da rede urbana española actual (Mérida, Zaragoza, Sevilla, Tarragona). Para o bo funcionamento do sistema era vital ter ben comunicado os diferentes territorios do imperio con Roma para o que os romanos crearon unha excelente rede viaria baseada nas calzadas.

O proceso da conquista polos romanos da Península Ibérica foi acompañado pola romanización destes territorios, é dicir, que se foi producindo a paulatina adopción polos pobos peninsulares do modo de vida e da cultura de Roma. Coñecese por romanización o proceso de integración dos pobos prerromanos nos modelos económicos, sociais, político-administrativos, culturais e relixiosos de Roma. A romanización foi un proceso imposto polos conquistadores, pero tamén contou co apoio das elites locais, interesadas en integrarse no Imperio romano para non perder os seus privilexios. A asimilación das novas formas foi máis intensa na costa mediterránea e nos vales do Ebro e do Guadalquivir (áreas nas que os pobos indíxenas se viran xa moi influídos polo seu contacto cos pobos mediterráneos) que nos territorios do norte, apenas romanizado, onde perviviron con forza os costumes prerromanos.

A lingua, a arte, o dereito e a relixión foron as principais manifestacións da integración hispana na cultura romana:

  •       O     latín difundiuse     como lingua de prestixio e dela xurdiron as principais linguas     peninsulares (excepto o vasco). Ademais, Hispania quedou integrada     no marco cultural romano e algúns relevantes autores latinos foron     de orixe hispana: Marcial, Séneca, Lucano (e tamén     emperadores    como Traxano e     Adriano).
       

  •     O     dereito romano     estendeuse por     toda a Península. O seu emprego regulaba as relacións privadas e o     funcionamento das institucións     políticas.
       

  •     A     dominación romana impuxo tamén as crenzas     relixiosas propias     do Imperio. Respectáronse as crenzas locais, pero a relixión     utilizouse como medio de integración política e era obrigado o     culto ao emperador e aos deuses que simbolizaban o poder de Roma     (Xúpiter, Xuno e Minerva). A partir do s.     III difundiuse o cristianismo en     Hispania; Os cristiáns organizáronse administrativamente en     dioceses, case coincidentes cos municipios romanos, dirixidas por un     bispo.
       

  •     As     máis relevantes manifestacións     artísticas atopámolas     na arquitectura. As     obras públicas     como a ponte de Alcántara, acuedutos como o de Segovia, xunto con     edificacións como os teatros (Mérida) e templos constitúen     exemplos do patrimonio artístico herdado de Roma. A pervivencia de     moitos destes elementos mostra a importancia determinante do legado     cultural romano na historia da Península     Ibérica.

 Aquí deixámosbos un vídeo moi interesante😉😘:

https://www.youtube.com/watch?v=UF_yHrFP1Ls


 

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

OS POBOS PRERROMANOS DA PENÍNSULA IBÉRICA ( pobos do sur e do levante,meseteños e do occidente peninsular)

O NEOLÍTICO: CARACTERÍSTICAS E CAMBIOS CON RESPECTO Á ÉPOCA PALEOLÍTICA( cambios económicos, sociais e culturais)