OS POBOS PRERROMANOS DA PENÍNSULA IBÉRICA ( pobos do sur e do levante,meseteños e do occidente peninsular)

 

Durante o primeiro milenio a. C. (Idade de Ferro) a chegada de pobos mediterráneos e indoeuropeos influíu na evolución das diversas culturas autóctonas. Conformáronse na Península tres áreas culturais: os iberos no leste e sur; os celtas no centro, oeste e norte; e os celtiberos no leste da Meseta e Sistema Ibérico.

                               

Os pobos colonizadores do Mediterráneo oriental (fenicios, gregos e cartaxineses), que viñeron buscando materias primas como o estaño, fundaron encraves comerciais costeiros (colonias) e actuaron como transmisores de elementos culturais e tecnolóxicos máis avanzados dos que se gozaban na Península. Difundiron o emprego do arado, o alfabeto, a moeda, os modelos urbanísticos, as salgaduras, etc.

No suroeste peninsular, na primeira metade do primeiro milenio (entre os séculos VIII e VI a. C.), no espazo correspondente a Andalucía occidental (treito final do Guadalquivir), a meseta sur e a baixa Extremadura, destaca a cultura tartésica. Temos referencias de historiadores gregos e restos arqueolóxicos: santuarios (Cancho Roano en Badaxoz), orfebrería (tesouro de El Carambolo en Sevilla) ou enterramentos. Estes restos indican un elevado grao de riqueza e sofisticación social. Politicamente, Tartesos non constituíu unha unidade, senón que existiu unha pluralidade de centros de poder aínda que os textos gregos que fan referencia a reis como Argantonio. A súa economía sustentábase na minaría (extracción de prata, cobre e ouro), na gandería e nas actividades metalúrxicas do bronce. Tartesos era ademais un centro de comercio internacional que puxo en contacto a fenicios e gregos cos pobos do oeste peninsular. A partir do século VI a. C., unha combinación de elementos externos (como o crecente poder de Cartago ou a substitución do bronce polo ferro) e internos (como o esgotamento das minas) provocaron a decadencia desta cultura.

                                     

No sueste da Península e na costa mediterránea localizamos diversos pobos con moitas características comúns, pero que nunca estableceron unha forma de unidade política entre eles. Tiveron, iso si, unha lingua e unha cultura común que se desenvolveu entre os séculos VII e II a. C. A cultura ibera que se formou polo impacto dos pobos colonizadores (fenicios, gregos e cartaxineses) sobre o substrato indíxena. A súa organización política estaba bastante desenvolvida debido á influencia do modelo de cidade-estado, traído por fenicios e gregos. Cada estado podía comprender varias cidades cos seus territorios circundantes. O modelo político máis frecuente era a monarquía e formaban unha sociedade xerarquizada gobernada por reis e dominada por unha aristocracia. A economía baseábase fundamentalmente na agricultura e a gandería e unha importante actividade comercial con outros pobos do Mediterráneo. Isto deixou influencias gregas e fenicias na relixión, no desenvolvemento dun sistema de escritura e no uso da moeda. A decisiva influencia oriental tamén se plasma nas manifestacións artísticas; era unha arte figurativa no que predominaba a funcionalidade relixiosa ou funeraria, destacan esculturas como a Dama de Elche, a Dama de Baza e a Bicha de Balazote.

                          

No leste da Meseta e no Sistema Ibérico atopamos unha serie de tribos que van a verse influenciados pola cultura ibera, pero tamén pola presenza dos pobos indoeuropeos, os celtas, na submeseta norte. Mesturaban elementos de ambos, aínda que predominou o factor celta: a influencia ibera maniféstase no uso de moeda e na adopción do seu alfabeto, a celta reflíctese na súa sociedade. A denominada cultura celtíbera sitúa os seus poboados en promontorios doados de defender (un caso ben coñecido é o de Numancia), practican unha economía agro-gandeira, e presentan unha sociedade xerarquizada, agrupada en clans e tribos. Foron extraordinarios guerreiros, dotados, ademais, dunha excelente tecnoloxía armamentística. Tanto cartaxineses como romanos incorporáronos aos seus exércitos.

Os celtas foron un pobo indoeuropeo que chegou á Península en varias vagas durante o primeiro milenio e se integrou cos pobos indíxenas. Ocuparon a Meseta Norte e o noroeste da Península. Achegaron numerosos avances técnicos, como o uso da metalurxia do ferro. Os seus asentamentos máis representativos foron os castros. A principal actividade dos pobos celtas foi a gandería (da que son mostra esculturas de verracos de culto gandeiro como os Toros de Guisando), aínda que tamén existiron poboados de agricultores. É xeralmente aceptado que a súa sociedade dividíase en tribos organizados en clans unidos por lazos familiares con certa xerarquización social na que predominaba unha caste guerreira, falaban linguas indoeuropeas e non coñecían a escritura.


No noroeste atopamos a cultura castrexa, unha cultura indíxena influenciada polos celtas, que habita os castros, asentamentos fortificados prerromanos formados por casas de tipo circular ou elípticas que adoitan estar situadas nunha área de fácil defensa. Aparecen cara o século VIII a. C., continúan existindo baixo a dominación romana, chegando ata o século II d. C., momento no que comezan a ser abandonados. A cultura castrexa formouse a partir dunha base indíxena que se viu sometida a influencias culturais atlánticas, mediterráneas e centroeuropeas célticas (apreciables en aspectos como a lingua). Estes pobos eran agrícolas e gandeiros e desenvolveron a metalurxia e a ourivería. Non formaron unha unidade política, senón que varios castros dun territorio, que compartían lazos tribais e familiares, formaban grupos máis ou menos homoxéneos e independentes. Tras a conquista romana, os trazos básicos da cultura castrexa perviven e evolucionan dando lugar á cultura galaico- romana.

 



Comentarios

Entradas populares de este blog

CONQUISTA E ROMANIZACIÓN (etapas da conquista, elementos de romanización: organización político administrativa do territorio, lingua e cultura,obras públicas)

O NEOLÍTICO: CARACTERÍSTICAS E CAMBIOS CON RESPECTO Á ÉPOCA PALEOLÍTICA( cambios económicos, sociais e culturais)