O NEOLÍTICO: CARACTERÍSTICAS E CAMBIOS CON RESPECTO Á ÉPOCA PALEOLÍTICA( cambios económicos, sociais e culturais)
O Neolítico é unha etapa da Prehistoria caracterizada polo inicio dunha serie de transformacións revolucionarias que permitiron superar o Paleolítico, de tal maneira que se denomina revolución neolítica. As orixes do Neolítico sitúanse cara o 8000 a. C. no Próximo Oriente, pero na península iniciase máis tarde, sobre o 6000 a. C. Caracterízase por:
Economía produtora coa introdución da agricultura e da gandería. Durante este período o ser humano é quen de producir os seus alimentos polo que pasamos dunha economía depredadora a outra de tipo agrogandeira. Na transformación da economía houbo unha posta en práctica da observación dos ciclos da natureza, posiblemente un feito protagonizado polas mulleres. Agora o ser humano é quen de seleccionar plantas e animais para domesticalos co fin de garantirse o seu sustento e así desenvolveuse a agricultura do trigo, cebada e leguminosas e a domesticación de gando bovino, caprino e porcino. Este proceso é o que denominamos neolitización.
Aparición dos primeiros poboados estables debido ó asentamento da poboación (sedentarización). Os cambios económicos permiten asentar ás comunidades humanas en poboados fixos abandonando o nomadismo.
Incorporación progresiva de avances tecnolóxicos debido á transformación da economía. Pasouse da pedra tallada do paleolítico á pedra puída (para usos agrícolas como a fabricación de fouces ou aixadas para cavar a terra), á creación de muíños de man para transformar o gran en fariña e a fabricación de recipientes para almacenar o excedente dando pé á aparición da cerámica. Ademais xurdiu a actividade téxtil para elaborar os primeiros tecidos.
As primeiras comunidades neolíticas estarían estruturadas arredor de clans familiares, pero co tempo, xa na denominada Idade dos Metais (a partir do terceiro milenio) os excedentes agrícolas permitirían unha especialización en determinados traballos aparecendo unha primeira división social. A necesidade de defender os recursos implicaría a necesidade de crear unha casta guerreira que pola importancia da súa función comezaría a distinguirse dos demais membros da comunidade. O excedente tamén daría lugar á actividade de intercambio con outras comunidades veciñas, a través do troco, o que iría estratificando a sociedade.
As crenzas probablemente estarían relacionadas co culto ás forzas da natureza e todo o que propicia unha boa colleita (o sol, a lúa, a auga, a nai terra...). Os restos da súa actividade cultural teñen que ver coa pintura rupestre (en abrigos rochosos) a coñecida como arte rupestre levantina que se desenvolveu na zona mediterránea nos inicios do Neolítico (7.000-4.000 a. C.). Son pinturas de tipo esquemático, practicamente monocromas, con figuras humanas e animais formando escenas variadas (loitas, caza, recolección) cun claro sentido narrativo. Estas pinturas contrastan co naturalismo da etapa anterior, no Paleolítico Superior (entre o 40.000 e o 10.000 a. C.) da que se coñece como arte rupestre cantábrica, con figuras polícromas e illadas de animais pintadas no interior de covas como a de Altamira.
A finais do Neolítico o desenvolvemento dos ritos funerarios levou á aparición do megalitismo. Trátase da construción de enterramentos colectivos con grandes laxas de pedra. Predominan o dolmen (en Galicia mámoa cando conserva a cuberta de terra), os menhires, o sepulcro de corredor e o tholos (sepulcro de corredor cunha falsa cúpula).
O proceso de neolitización peninsular foi máis intenso no espazo mediterráneo, Andalucía e o centro e sur de Portugal. A orixe desta revolución atópase no contacto das culturas autóctonas coas influencias chegadas polo Mediterráneo e, para algúns autores, na chegada ás costas mediterráneas de pobos de Oriente Próximo. Máis tarde, tamén chegaron influencias a través do continente europeo.
O Neolítico peninsular divídese en dúas etapas:
Neolítico inicial (6.000-3.500 a. C.) Os principais asentamentos atópanse en covas da costa mediterránea. Deste período é característica a cerámica cardial (caracterizada pola súa decoración impresa feita con cunchas de berberecho). Posteriormente desde a costa as innovacións estendéronse cara ó interior.
Neolítico pleno (3.500 – 2.500 a C.) Nesta etapa xurdiron verdadeiros poboados en zonas chás e axeitadas para o cultivo. Destacan no sueste a cultura de Almería e a cultura dos sepulcros de fosa en Cataluña. Paralelamente, a estrutura social fíxose cada vez máis complexa e a aparición de obxectos de prestixio nalgunhas tumbas indica certa xerarquización social, rompéndose o igualitarismo asociado ao Paleolítico.
Aquí deixámosvos un vídeo onde o explica moi ben 😉😉:
https://www.youtube.com/watch?v=G2tUkEvo_lM
Comentarios
Publicar un comentario